Thursday 09 de May de 2024

A Xunta de Galicia apura os traballos de limpeza e reposición de mobiliario na área recreativa de verdes


Técnicos de Augas de Galicia limpan o leito do río mentres que desde Conservación da Natureza estase a rematar a adecuación de todo o entorno, moi danado tras os temporais do pasado inverno

A Xunta de Galicia está a rematar estes días os traballos de limpeza e adecuación da área recreativa de Verdes, en Coristanco. Así, técnicos de Augas de Galicia están a finalizar a limpeza do leito do río, mentres que operarios do departamento de Conservación da Natureza céntranse no acondicionamento de todo o entorno.

Os traballos realizados supuxeron a retirada da maleza e os restos de troncos e árbores caídos ao leito do río Anllóns, así como a tala de árbores que se atopaban enfermos ou secos. Do mesmo xeito, actuouse na rehabilitación das pasarelas e a mellora do firme de acceso á área recreativa, e tamén no arranxo e reposición, no seu caso, do mobiliario urbano que se atopaba en mal estado debido aos temporais e ás inundacións do pasado inverno.

En total, a Consellería de Medio Ambiente ten investido máis de 18.000 euros nestas actuacións, que buscan deixar en perfecto estado o entorno do río Anllóns en Verdes de cara á celebración dos campionatos de pesca xuvenil que terán lugar neste coto nos meses de xullo e agosto.